martes, 4 de noviembre de 2014

A formación para o emprego. Novas realidades.


A evolución.

Hai xa moitos anos que, dun xeito ou outro, a miña labor profesional ten relación con diversos aspectos da formación para o emprego, entendendo esta como a formación para activos ou desempregados, que busca a mellora da empregabilidade e a recualificación profesional.

Durante a etapa mais longa adiqueime a xestionar plans de formación, deseñar programas, materiais didácticos, coordinar docentes, ademais de impartir de cando en vez algún pequeno curso. Nese período a formación para o emprego foi evolucionando, á vez que os diferentes subsistemas de formación (FP, Ciclos, etc.). A tendencia foi (e aínda é) de converxencia con Europa, baseándose nunha premisa fundamental: a posibilidade de acreditación duns coñecementos a través das diferentes vías para adquirilos, como son a formación regrada, a formación non regrada (continua e ocupacional) e a homologación pola vía do recoñocemento da experiencia profesional.

Nese proceso é onde aparece unha figura clave para unificar criterios que é a dos Certificados de Profesionalidade. Non entrarei agora a explicalos, xa que tiveron o seu momento nas sesións presenciais. Digamos que son o instrumento válido para acreditar as competencias profesionais, nas tres vías sinaladas anteriormente, en cada unha co seu procedemento. Nestes anos, a formación para emprego foi derivando hacia a impartición de certificados de profesionalidade, homoxeneizando contidos, criterios de avaliación, requisitos de docentes, instalacións, equipamentos, duracións … de forma que na actualidade xa constitúe a meirande parte desa formación (aínda que non toda!).


A situación.

Despois desa longa etapa xestionando formación, e tras un “merecido” descanso nas listas do Inem, atopeime (e atópome) nun novo escenario: a xestión de Programas Integrados de Emprego. Estes programas teñen varias facetas: formación (específica e transversal), prácticas non laborais, orientación laboral, prospección de empresas e intermediación, asesoramento para o autoemprego… e todo iso cun obxectivo prioritario: a inserción laboral dos participantes no programa.
Están destinados a desempregados, normalmente pertencentes a colectivos desfavorecidos.
Como se ve, tamén inclúen formación, ó igual que na miña etapa anterior; pero atopeime no inicio con tarefas novas para min, como a orientación laboral, sobre todo. O contacto con empresas xa o levara a cabo noutra etapa …


O desenvolvemento.

E, chegados a este punto, o plantexamento que fago neste post é: cómo deseñar, programar e impartir a formación nos programas integrados de emprego? qué factores debemos ter en conta?

O primeiro factor a considerar é obvio: o perfil de partida do colectivo de participantes. Non é o mesmo que predominen os desempregados menores de 30 anos de baixa cualificación, ou ben os maiores de 45, ou algún colectivo en risco de exclusión social. Hai que ter moi en conta as características predominantes do colectivo, que determinarán, coas variacións correspondentes, o tipo de formación a programar.

Logo existen outros factores que condicionarán a formación que poidamos impartir: a duración do programa, a contía da subvención que poidamos destinar á formación, a existencia de instalacións homologadas, etc.

Pero, independentemente destes factores condicionantes, a planificación da formación terá unhas características determinadas:
- Deberá existir formación transversal, necesaria para calquera colectivo e válida para diferentes saídas profesionais: informática, prevención de riscos, idiomas, hixiene alimentaria, etc.
- É fundamental a formación relativa ó emprego: técnicas de busca de emprego, autoemprego, técnicas de comunicación, habilidades sociais, etc.
- E, por suposto, a formación específica: formación relacionada con determinadas cualificacións profesionais, que na medida do posible sexa acreditable, é dicir, que se corresponda con certificados de profesionalidade.
Neste caso, poderán existir accións formativas que incorporen no seu programa prácticas non laborais, en empresas ou entidades, normalmente moi beneficiosas neste tipo de colectivos.

Hai que ter en conta, á hora de planificar a formación específica vinculada a certificados de profesionalidade, a qué colectivo irá dirixida, xa que en función de si se trata de certificados de nivel 2 ou 3, existirán uns requisitos de acceso (titulación mínima). Os de nivel 1 non teñen ningún requisito de acceso.
Unha vez establecido o perfil de cada un dos participantes no programa, determinarase de mutuo acordo con cada un, o seu “itinerario de inserción”, coas accións máis axeitadas a levar a cabo para a mellora da súa empregabilidade (cursos transversais e específicos, prácticas, ademáis de titorías de orientación e asesoramento para o autoemprego), en función do seu perfil profesional e dos seus intereses.

Por último, outro factor a ter en conta na formación que se programe é o tecido empresarial da contorna: sectores predominantes, sectores con potencial de contratación, perfís profesionais mais demandados, etc. Información que podemos obter de diferentes fontes así como da prospección que levemos a cabo dende o propio programa.

Como vedes, dun xeito ou outro, sigo vinculado á formación para o emprego, antes “en exclusiva” e agora compaxinándoa con outras facetas, pero sempre relacionadas coa inserción laboral e a mellora da empregabilidade. Obxectivos non fáciles, pero agradecidos.


Pablo Bello.


2 comentarios:

  1. Moitas grazas as compañeiras e o compañeiro do grupo Insertate pola súa invitación a participar no seu blog. Esperando non aburrir...

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moi interesante a túa aportación, Pablo, grazas pola túa colaboración.

      Eliminar